Friday, May 21, 2010

Novoneyra

Por riba de papeis estragados, e para que non decaia a tensión e o ánimo do blogue, dende a xanela deste o mundo de Costas hoxe imos relembrar algúns poemas de Uxío Novoneyra, o poeta caurelá homenaxeado no día das letras. Poemas que ilustramos con algunhas fotos de colleita propia.
O centeo correndo ó vento
i eu quedo néso que ún non nembra
nin esquece
de tan lene e fondo que chega.
***
Longas altas fiañas
nin quedas nin pasan
tirando das cousas non contadas
que así me paran....
***
Vendo i ouvindo o río
vaise o tempo sin sentilo.

Naz'a auga su as abrairas
entr'as penas sombrizas
roxe e baixa
de pincheira en pincheira
e corre entretecida....
/
Esta auga da presa
son eu ou é ela?
***
Os poemas están tirados dunha edición que emprega os textos fixados por Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco en 1990 e pertencen ao libro Os Eidos.

1 comment:

  1. Estes días ando ás voltas cuns poemas de Novoneyna que non lera, os recollidos en "Tempo de elexía". Un deles, do ano en que nacín, acaba con estes versos: "As ondas do río devalaban lenes/ levando as barcas soltas pró infindo do mar i a noite./ No milagre longo coidei seguir sempre nas barcas devalando."
    Unha aperta

    ReplyDelete