Unha das imaxes que máis identifica Compostela como colofón do Camiño, e nomeadamente súa Sé Catedral, pode ser a do botafumeiro, que abalado polos seus tiraboleiros purifica o templo do ar mesto que, por forza, han de espallar os suorentos pelegríns trala súa camiñada, cando nos días sinalados as misas multitudinarias abarrotan o sagrado.
Noutrora, nun tempo que algúns teiman en considerar escura Idade Media, os camiños máis transitados que percorrían Europa conducían cara Compostela. O mesmo Dante Alighieri asegura que pelegrín, propiamente, só pódese considerar o que ía cara a Santiago. Daquela o bispo compostelá non tiña que pregar de xeonllos diante do prelado romano co obxectivo van de que viñese a benzoar o sagrado. Nin viaxaba acompañado dun séquito de sicarios ingrávidos.Rodeábanse de persoeiros máis solidamente asentados, velaí senón o Mestre Mateo no que din o seu autorretrato. Ao fin e o cabo dirimíase en cal das dúas cidades residía a máxima dignidade do occidente cristián. Se na Santa Sé (Roma) ou na Sé Apostólica (Compostela). Se a primeira gardaba as reliquias do apóstolo San Pedro, a segunda agochaba o sartego de Santiago o Maior, quen perdeu a cabeza pero canda menos non negou ao seu xefe cando sentiu estalar de preto os chicotazos dos soldados romanos.
Aínda non chegaran os Monxes Negros, da temíbel orde cisterciense, coa intención de dobregar e absorber o poder compostelá; nin tampouco para pulir da narración esculpida en pedra que ilustraba os templos aquela enfebrecida imaxinación medieval poboada de sereas, basiliscos, centauros, harpías ou grifóns. Ou de sorrisos, coma este tan engaiolante do profeta Daniel no Pórtico da Gloría. Ora et labora, a sentenza que presidía a congregación (algo así como que os frades oraban e traballar, traballaban os labregos) non tiña rematado cun sentido da vida que tamén deixaba tempo para o goce dos sentidos e a comuñón coa natureza.
E iso a pesar de non estaren familiarizados con este dispositivo de goma tan efectivo para evitar a propagación de certas pestes. Malia que a Igrexa non sexa moi partidaria da súa promoción, vímolo nun escaparate entre o Seminario Maior e a Porta da Acibecharía saudando a chegada dos pelegríns deste século a Compostela.
Disfrutei inmenso. E mira que me custou visibilizar este post -demo de enlaces-, pero valeu a pena. Estupendo texto.
ReplyDelete