O mundo de Costas, o mundo virado ou o mundo no seu envés. Unha análise da luz, aquilo que só se aprende cando se pousa, cando se deita nun calquera obxecto que, como a besta rinchando na fraga, de súpeto despreguiza a nosa mirada e preme por facer noso aquel pousarse da luz. Mais tamén polo que agocha. Noutra banda da luz, nas súas costas, fica sempre o negror. A luz descompón as cores, o negror absórbeos. As sinuosidades do relevo érguense fronte a profundidade das tebras. E nós camiñamos no lindeiro, ora ollo a forma, ora ollo a profundidade.Logo será iso, cando a luz da alborada, soerguéndose dende a máis fonda escuridade, medra por tras de Puxeiros, só se na espera ten por hóspede un ceo artellado de nubes mestas que nunha certa alfándega deixa franco o paso dos primeiros fíos vespertinos, fíos invisíbeis revelados agora na densidade móbil que fai de arquitrabe como paleta que declina poliédrica a gama das cores máis cálidas, só entón, asómase o meu corazón a xanela. Esplendor fuxidío que xa logo, no seu permanente devalar, sentimos como teito articulado de grises.Pola contra, esoutros nos que as primeiras luces que abrollan do fondal da noite se contrastan contra unha bóveda diáfana o meu ollar, texto sombrío iluminado por raios espectrais, deixa a fiestra e vírase na procura da luz aprendida desta volta nas cousas miúdas espalladas no interior do cuarto. Instantes breves de fulgor intenso derramados sobre as formas que constrúen a vida.
"La naranja se abre en gajos translúcidos que alzo al sol de una lámpara para ver entre la linfa el glóbulo sombrío de las semillas" (Julio Cortazar)
Tuesday, December 15, 2009
Subscribe to:
Post Comments (Atom)
Canta espera, canta atención, canto cuidado hai neste fermoso texto. Coma se na fronteira do fondal da noite aparecera un sinal deses dos pasos a nivel portugueses: Pare, escute, olhe. Pois iso. Canta cobiza da luz por un ollo que a peneire.
ReplyDeleteSaúdiña.
Grazas mestre por terte asomado de novo a esta túa fiastra e terme desvelado, con palabras sempre tan axustadas, esa acertada ligazón coa nosa fronteira: atentos o comboio.
ReplyDelete