Wednesday, December 23, 2009

Estación Marítima

Temos por costume dicir "imos tomar unhas cañas", por moito que se vaia coa intención de tomar nada máis que unha soa; en troques dicimos "imos tomar un café", aínda que sorbamos un par deles por mor de afastar de nós o sopor das poucas horas de sono ou dalgunha dixestión pesada. Ben, son cousas raras, reviravoltas da linguaxe que un nunca acaba de entender.
Incongruencia semellante a esa outra de falar dos 365 días que ten un ano, esquecendo completamente as súas respectivas noites. Como se na contabilidade temporal aparecese un buraco negro, tal que só damos conta dunha metade do ano no entanto a outra fica sumida na noite. E se hai algún deles que menos mereza ser acusado de tal, coido que é ese fronteiro do solsticio de inverno, por definición, o día con menos horas de luz.
Imprecisión tamén a que se deu ese mesmo día a media mañá, cando unha lumieira se filtrou entre un ceo arrumbado de nubes que deixaban caer unhas pingueiras de choiva fría. Luz transgresora que iluminou, ao meu paso, as singularidades da antiga Estación Marítima de Cangas, aínda que agora xa só cumpre a función de Estación de Autobuses. Mágoa dos tempos, se este edificio se tivera chamado Estación Intermodal non estaría agora tan preto de ser condenada ao derribo e o abandono; xa que logo, no edificio conciliábanse, tiñan enlace, os transportes públicos marítimos e terrestres.
Un primeiro apunte da súa demolición xa foi escrito cando desapareceu a cuberta do peirao, que simulando o velame dos barcos, protexía o paso dos viaxeiros entre a estación e o embarque. A falcatruada se fixo, como sempre nestes casos, cunha desculpa construtivista: remodelación e mellora das instalacións portuarias. As velas foron substituídas por unhas prácticas "pranchas de latón", dis que prima a funcionalidade fronte a barroquismos innecesarios.
Se cadra o erro dos deseñadores da vella Estación Marítima foi carecer desa capacidade de espesar as palabras ate lle faceres perder o sentido.

No comments:

Post a Comment