A foto (luz de treboada) que da título a esta primeira singradura anotada na bitácora foi tirada en Campolongo, unha mañanciña do derradeiro mes de abril na Boa Vila, que diría Cabanillas.
Alí detiven un intre os meus pasos que se encamiñaban cara a unha das sesións vespertinas da Semana de Filosofía, que impulsada pola Aula Castelao acadaba neste ano a súa vixésimo sesta edición desenvolvendo o asunto "Educación e Filosofía". Mais se cadra a sentenza que máis invitaba á reflexión naquelas xornadas topeina un chisco máis adiante de onde tirei a foto, escrita na porta da igrexa parroquial. Descontando aquel retrouso popular que lembrou Marcial Gondar nunha das respostas do diálogo que xurdiu após da súa charla, que el subtitulou "Grámatica da seducción", e que tivo engaiolados ós presentes o tempo que durou a cousa.
Alguén entre o público suxeriu que aquel destecer tecendo entre o emotivo e a razón que el propuxera para conseguir que os contidos do comunicado no eido educativo chegara os seus destinatario podería pecar de falta de rigor, de se considerar cousa de pouca seriedade, e ata certo punto, unha pequena traizón o que vimos considerandocomo a Filosofía e a pureza da Razón.... Aquí o Marcial retomou a palabra e díxolle aquelo de "Home, para puros, puros.... os Habanos; e para fieles, fieles.... os defuntos".
Mágoa que a sentenza que ilustraba a porta da modernista igrexa de Campolongo estivera en castelán, pode que esa sexa a lingua oficial do ceo ou, simplemente, o señor Xesuscristo, moi asisado, non quere participar desa opresión esmagadora que se exerce ó falar o galego en Galicia. Por iso non me atrevo nin a traducila, non vaia a ser que alguén se me alporice, aí vola deixo tal como a transcribín:
"En el templo
Dios nos comunica
su palabra: silencio"
Aínda que non me quedou moi claro se é o mesto silencio mesmo o que Deus nos comunica ou, pola contra, nos solicita que permanezamos calados por ver se escoitamos algo máis que o murmurio dos fieis e a voz do cura dentro do templo.
Dios nos comunica
su palabra: silencio"
Está ben que saibas tantas cousas da historia castelá. Para saber como se fai unha boa traizón debs ir á porta do mesmo nome que ten o noso castelo zamorano. Quedas invitado a compartir o espíritu de Bellido Dolfos...
ReplyDeleteA ver se segue a túa camiñata...