Hoxe imos a lembrar a este grande músico, ensinante e compositor de longa traxectoria que no pasado día 9 cumplía os 89 anos, e segue na brecha. Un home, ao que como acontecía con Duke Ellington, non lle presta que a súa música sexa considerada solamente jazz, e gosta poñer por diante a necesidade expresiva máis que a etiqueta correspondente. Para referirse a ela acuñou o seu propio termo, acuciado polo necesisade de dar aulas e de querer obviar a verba jazz nelas: autophysiopsychic; co que tenta significar a música como a xuntanza entre o físico, o psíquico e mai-lo espiritual. O certo é que resulta difícil encadrar a súa música só baixo o capote do jazz, porque sempre tentou ampliar perspectivas na procura de novas formas de expresión, e tal vez foi iso o que motivou que aínda hoxe en día a súa laboura non sexa moi coñecida alén dos círculos especializados, e o seu nome non soe entre o grande público como unha das lendas vivas do jazz, ou calquera que sexa a etiqueta que queiramos lle por. Naceu en Chattanooga, Tenesse, no ano 1920 sob o nome de William Emanuel Huddleston, é fillo único e os cinco anos trasládase, coa súa familia, a Detroit. Criado nun ambiente moi musical, a súa nai tocaba o piana na igrexa e a súa avóa tamén fora tocadora de organo na igrexa, o seu pai tiña unha excelente voz e cantaba nun coro. Da súa nenez pensa que "medrar só fíxoo máis sensíbel e atento coa natureza, as mariposas, o ceo e as árbores". Na escola graduouse como saxo tenor e pronto introdiciuse nos circuitos do jazz, que naquela altura tiñan en Detroit un dos seus berces. No ano 48 convertiuse ao islam en muda o seu nome polo de Yusef Lateef. E foi no seguinte ano que Dizzy Gillespie chamouno para tocar na súa orquestra, onde recoñece que aprendeu que a música non estaba toda no papel. Na partitura tiña escrita, por poñer un caso, unha nota con valor de redonda para remetar o tema, mais sempre ficaba sorprendido, decátase que algunhas veces a mesma nota duraba mais e outras menos do valor indicado, e todos os músicos remataban á vez agás el, que tentaba reproducir o que tiña no papel e nunca acertaba. Máis logo aprendeu a importancia do cóbado de Dizzy, todos seguían o seu movemento, se el subía a nota se mantiña, cando baixaba tiñan que cortar. Ficou un par de anos na orquestra de Dizzy e volveu para Detroit, onde na decada dos 50 estudou composición e frauta, e mantivo un quinteto estable durante eses anos. E máis tarde aprendeu a tocar oboe, sendo o primeiro en introducilo no be-bop ou música de improvisación. Entre outros, traballa con Art Blakey nesta época e tamén foi a finais da decada que empezou a investigar a sonoridade das escalas musicais do leste europeo, abrindo un camiño que mais tarde exploraría con éxito John Coltrane, e que nos nacentes sesenta chegou a desprazar entre os jazzistas o uso das ata aquela máis frecuentes escalas occidentais, ademais de compor spirituais para casas discográficas como a Savoy e a Riverside. Aquí tedes unha grabación do ano 60 con Louis Hayes, I need you, onde podedes sentir o profundo son que arranca do seu saxo tenor nunha grabación feita o 26 de abril nos Bell Sound Studio de Nova Iorque.
No ano 60 afíncase definitivamente en Nova Iorque, nesa década graba e toca con xente como Charles Mingus ou Miles Davis, ademais de continuar a súa formación na Escola de Música de Manhattan. Coa súa propia formación publica discos como Eastern sounds, Live at Pep ou The Golden Flute. No ano 67 publícase o seu disco Complete Yusef Lateef en Athantic Records, no que mestura sonoridades latinas xunto co espírito de Detroit, ao que tenta homenaxear e que nesas datas sofre unha importante crise económica, conta cunha destacada sección de ritmo, con músicos coma Ray Barreto. Na decada que segue, a dos setenta, empeza a dar aulas na cidade dos rañaceos na Escola de Manhattan e compón para grandes orquestras, ao tempo gradúase na Universidade de Massachusetts, onde tamén dara aulas. Foi aquí onde xurdiu o disco Autophysiopsichic e tamén o termo que propón para definir a súa música. Aquí podedes escoitar unha peza dese disco, Comunication, grabado xunto con Act Farmer nos Electric Lady Studios de Novo Iorque no mes de outubro do ano 77.
Nos oitenta vaise catro anos para Nixeria para estudar e coñecer a súa cultura, na procura "dos valores orixinarios da música como expresión cultural". No ámeto do timbre, por exemplo, amprende a construir a súas propias frautas de cana ou de calquera outro material que a natureza lle ofrece, tal como se fai nas sociedades aínda non industrializada; ou, no eido da armonía, a darse conta que certos preconceptos da música occidental non son intercambiabeis noutras culturas, como o tópico de que as escalas menores expresan a dor ou certa saudade. A volta desta viaxe gaña un dos premios Grammy co seu LP Yuseef Lateef's Little Symphony. No ano 92 crea o seu propio carimbo discográfico YAL, e no ano seguinte pública un dos seus discos máis ambiciosos The African American Epic Suite, unha obra en catro movimentos para quintento e orquestra. Hoxe é considerado un dos pioneiros da música étnica ou world music. Mais o seu campo non se circunscribe o eido musical xa que ten publicado dúas novelas e dous libros de contos; e ten exibido nos derradeiros anos os seus cadros nalgunhas galerias de arte, . Sendo un grande improvisador, recoñece que non lle gusta o termo se iso significa non ter unha preparación previa, di el que sería como se pos nas mans dun zapateiro un instrumento musical e esperas que vai soar algo coerente. No ano 2005 sae o disco Psychicemotus e no 2007 é nomeado artista do ano pola Universidade de Massachusetts. Para o vindeiro ano, 2010, ten sido nomeado Mestre do Jazz Americano (American Jazz Master) pola National Endowments for the Jazz. Pra rematar déixovos con Amanita, composta por Adam Rudolph e interpretada por Lateef coa Organic Orchestra, e na que se empregan os conceptos de verticalismo cíclico (cyclic verticalism), unha das ensinanzas que trouxo da súa viaxe a Nixeria. Foi grabado no 2005 en Venecia.
Aquí vos queda o video, que non puiden pór onte, do músico tan misteriosamente negro que espalla a súa musica dende os soportais da Rúa do Villar, o músico negro coas mans moi brancas e que o pasado domingo amenizaba o paso da marea cívica "Queremos galego" e facía cantar casi entonados os manifestantes co son da súa guitarra eléctrica.
Despois dalgún tempo fóra de cobertura retomo o contacto co meu blogue e co seus seguidores, no caso de que os tivese, para contarvos que eu tamén andei o pasado domingo misturado na marea civíca que anegou Compostela. Pola nosa parte, e coa elasticidade propia do evento, fomos seguindo a pancarta da plataforma "Queremos galego" do Morrazo, na que lembrábanse os versos de Celso Emilio Ferreiro no poema "Deitado frento ó mar" e que hoxe semellan tan actuais e necesarios como anteonte: "..eu fáloa por que si, porque me gosta, porque me peta e quero e dame a gana". Aínda que a pancarta xa estaba inzada na fonte preto da entrada da Alameda as doce, non foi ata a unha que puidemos sair dela e deixar a Porta Faxeira a nosa dereita, fumos dos que arrivamos a Quintana cinco minutos antes de que falaran por segunda vez os portavoces nunha praza ateigada. Emotivas foron as verbas de Pousa Antelo cando do novelo do tempo desembrullou as palabras que tiña escoitado canda novo naquela mesma praza a Vilar Ponte, Anxo Casal ou Castelao, e enchianos de orgullo saber que para el naquela marea cívica latexaba o seu espírito. Entre algunhas das imaxes da manifestación déixovos o poema de Pondal "Falade Galego" que neste tempo de chumbo paréceme moi acaído para ilustralas.
Miniñas da Cruña, de amabre despexo, de falas graciosas e pasos lixeiros, deixá de Castela os duros acentos: falade, miniñas, falade galego.
Cando é que vos ouzo, a patria esquencendo, falar esas duras palabras de ferro, non sei o que sufro, non sei o que peno: falade, miniñas, falade galego.
Mais cando falades nos patrios acentos, envoltos no voso anxélico alento, parece que escuito un canto do ceo: falade, miniñas, falade galego.
E nesta ligazón podedes ollar unha boa ristra de fotos da manifestación.
Andamos pola aldea e o alto de Santiago de Hermelo no día do seu patrón, e tivemos ocasión de tirar algunhas fotografías, entre elas a da Flor de sabugueiro. N'omundodecostas non lle sabiamos de certo o seu nome, pero unha boa amiga sabedoira destes asuntos tivo a ben lembrármonolo, o cal lle agradecemos. En galego pode ter ate trinta nomes distintos: bieiteiro, baiteiro, sabugo, naiteiro, viradoiro, viruteiro, sango, sambuco... Segundo parece na medicina popular empregase caseque como remedio universal. As flores, que teñen propiedades diuréticas, sudoríferas e emolientes, preparadas en infusión empréganse como remedio contra as afeccións respiratorias, gripes ou catarros. Tamén teñen propiedades como laxante. O seu nome científico, no que se identifican xénero e especie, ven sendo Sambucus Nigra L., e pertence a clase das Magnoliopsidas. Para rematar unha receita contra a dor de cabeza na que a flor do sabugueiro é ingrediente principal: déixase unha presada de flores frescas a remollo en vinagre durante uns 15 minutos, despois prepárase unha cataplasma embrullando as flores maceradas nunha tela que finalmente aplicarase sobre a fronte do doente.
Hoxe queremos dar conta da aparición dun novo pasatempo: as Palindromanzas. E por suposto, darlle-la noraboa o seu inventor Severo Revés, que nun arranque de xenialidade soubo inventar este xogo, que abrolla dunha certeira e creativa combinación entre as regras do xeroglífico e a creación dos palíndromos. Proba da súa boa acollida é que dende fai xa un par de meses, non moito despois da súa invención, veñen sendo publicadas diariamente nun dos principais xornais do pais, mais concretamente nun que se edita na Coruña. Sabemos tamén que ese foi o primeiro medio ó que lle propuxo a publicación deste xogo de frases reversíbeis e, dobre méritio engadido, o presentou sen o respaldo dalgún padriño que suavizara as engranaxes do negocio. Crear, dicía o grande matemático Poincaré, non consiste en facer combinacións inútiles, senón e facer aquelas que son útiles, que son moi poucas, e remarcaba: a invención é discernimento, elección. Dende aquí, desexámoslle unha longa e froitifera xeira nesta andaina e animámosvos a xogar co Severo Revés (ollo¡ que non a mercar o devandito xornal). E, para irdes afiando a vosa habelencia, velaí unha mostra deste seu pasatempo
Non sei se volo dixen, ou tan se quer déchesvos de conta, pero ultimamente tomei por costume levar a "Finepix J12" no peto coa intención de ter o disparador disposto para cando as condicións de luz, motivación e capacidade da máquina se conxuguen coa benzón das musas.O problema, sempre hai un problema (alén do propio das limitacións que ten o trebello dixital), é que hoxe en día tes que ser moi mirado coa elección do motivo. Atrás ficaron os tempos analóxicos, cando o fotógrafo camiñaba coa Minolta no lombo e podía recrear o seu obxectivo no medio da xente na procura das facianas máis expresivas, ou do encadre axeitado para recrear con verosimilitude un ambiente, ou da fisicidade que desprende o corpo humano no desempeño das súas tarefas cotiás, ou, que sei eu, simplemente a curiosidade de retratar as personaxes máis pintorescas. Neste retomar dos vellos costumes, a primeira vez que virei a máquina cara á xente, a fronte dunha manifestación do metal avanzaba por unha certa rúa da nosa máis populosa cidade industrial, mentres os donos dos carros estacionados nas inmediacións apresurábanse a retiralos ao seu paso. Entre os carros e os obreiros se desprazaba unha morea de periodistas (e periodistos) que armados cos seus grandes e rechamantes aparellos tiraban os seus cliques a vontade. Animado pola situación, saquei a minúscula "J12" do peto para tirar os meus. No encadre, primeiro entraban os fotógrafos diante da manifestación, e segundo esta se achegaba a miña posición, obrígame a pechalo e centralo nos lemas e as persoas que viñan na cabeceira. Entón, segundo se achegaban, escoito unha voz que sobresae entre a multitude e di: "- Oes!, ti serás peirodista, non? Por que se non, non podes facer fotos" Ao principio dubidei se sería cousa do tamaño o que lles fixzo desconfiar, mais como os consellos en voz alta incrementaban a intensidade volvín a cámara ao peto (non é que custe moito, pero é a que teño), sen inquirir máis sobre aquela sagacidade para distinguir periodistas. Será que senten máis amparados os seus intereses cando os ven reflectidos nos poderesos medios que controlan o negocio; ou sospeitarían que alí estaba agochado un axente infiltrado da policía facendo a ficha dos revoltosos, que algo diso tamén escoitouse entre o balbordo.Poucos días despois, na segunda ocasión na que o meu obxectivo teimou de novo coa figura humana foi saíndo do mercado de abastos. Na beirarrúa de enfronte, un mariñeiro negro vestido nunha funda vermella, cuspidiña a que levan os mariñeiros brancos cando fan a mesma tarefa e pasan polo mesmo lugar, arratraba acompasado unhas caixas de peixe fresco chegado da mar, peixe dos barcos de baixura que vai directamente dende o barco ao seu posto de venda na praza. Por detrás del, a pouca distancia e como fondo ábrese a ría e vense os barcos atracados nos peiraos. O home decatouse da manobra e virouse con xestos irado cara un fotógrafo cargado coas bolsas da compra, e no seu español con sotaque subsahariano, lembráballe que o podía denunciar, que se estaba tolo, e cousas polo estilo. Pouco despois, na mesma xeira, dei coa que xa era a nova do día na bisbarra: queimaran un caixeiro automático pola noite e no lugar do suceso congregábanse as diferentes autoridades con cargo no caso. Camiñaba pola beirarrúa oposta e detívenme nun punto no que podía observar o caixeiro queimado cos operarios no seu derredor enmarcados, dende o primeiro plano, por unha furgoneta branca e unha outra camiontea vermella de emerxencias. Entre as dúas conversaba un grupo que aproveita a sombra proxectada por unha árbore do paseo. Con certa precaución comprobei que polo derredor había xente disparando a súa cámara e, desta volta asegureime, víanse de tódolos tamaños, grandes e pequenas. Así que dei un paso cara atrás para acomodar o encadre, e de socato, a cocorota dun individuo, que estirando o pescozo semella pescudar o que pasa, chántase diante do obxectivo. "Un ghodechinchos" pensei, e deille tempo para que saciara a súa curiosidade, pero como non se daba movido, cambiei eu a miña posición. Entón volveuse cara a min, falou en castelán e decateime que non era galego, pero non precisou berrar unha palabra máis alta que a outra para me lembrar que alí non se podían tomar fotografías. Aleguei, sen moita convicción, que non era o único que as tomaba, e coa mesma amabilidade, díxome que podía achegarme o caixeiro e facérllelas de preto. Retruqueille que poder podía, mais que o encadre que me gustaba era xustamente o que tentaba facer. Debeu notar algunha caste de rexouba nas miñas palabras, por que desta vez respondeume en galego, como tentando imitar o acento do país, dicindo: "ah! Claro...xa entendo, xa entendo". E foi moi coidadoso na pronuncia do "xa". Ben, agora que xa son moito máis prudente na escolla dos motivos cos que entreter a cámara, paréceme que vou ter que deixar o de falar do Arnau de Montemogos para unha vindeira ocasión, que nesta xa me alonguei abondo. Pero non vos parece que na era dixital o medo ceibase máis lixeiro e sutil ca nunca? Aláncase onde menos un podería imaxinar.
Neste vídeo podemos escoitar as palabras que o premio Nobel da Paz, Adolfo Pérez Esquivel, que viña acompañado pola súa dona, dixo ao pé da torre da antiga nave industrial de Massó, no epicentro do conflito que alí se desenvolve dende hai xa catro anos, na súa fugaz visita a Cangas nesta terza feira (14-7-09) as cinco da tarde. Palabras de apoio e solidariedade coa loita que o pobo de Cangas, organizado arredor do Foro Social, mantén para evitar que nese mesmo lugar se constrúa un porto deportivo e unha urbanización de alto copete, promovidos polo "capital especultivo", empregando palabras do propio Esquivel. Destruíndo da mesma tacada un rico banco marisqueiro e o fermoso parque que con árbores senlleiras rodea a factoría, catalogada esta, aínda mais, como ben de interese arquitectónico-cultural. El, que tamén é un arxentino de raíces galegas: seu pai era un mariñeiro de Combarro emigrado, tivo palabras de alento para cos mariñeiros cangueses que, impotentes diante da desfeita, ven como se destrúe o seu arraigado medio de vida ("ese banco deu de comer a moitas familias" din eles) a cambio de nada, en fin, outro Prestige soterrado. Só que, desta volta, o barco que se afunde -os Bancos e as grandes Construtoras (destrutoras acáelle mellor)- regan directamente "os seus fíos de plastilina en estiramento vertical" dende terra e cómprelles facer o papel de bos nos grandes medios de comunicación, no entanto e coma sempre, as diferentes administracións miran cara outro lado ou apoian, directamente, a cementación da ría. Como aconsellou o Esquivel, aprendamos a respectar á Pacha Mama, que así lle din na Arxentina a Terra Nai.