Showing posts with label Compostela. Show all posts
Showing posts with label Compostela. Show all posts

Sunday, May 16, 2010

A goma do Camiño

Unha das imaxes que máis identifica Compostela como colofón do Camiño, e nomeadamente súa Sé Catedral, pode ser a do botafumeiro, que abalado polos seus tiraboleiros purifica o templo do ar mesto que, por forza, han de espallar os suorentos pelegríns trala súa camiñada, cando nos días sinalados as misas multitudinarias abarrotan o sagrado.
Noutrora, nun tempo que algúns teiman en considerar escura Idade Media, os camiños máis transitados que percorrían Europa conducían cara Compostela. O mesmo Dante Alighieri asegura que pelegrín, propiamente, só pódese considerar o que ía cara a Santiago. Daquela o bispo compostelá non tiña que pregar de xeonllos diante do prelado romano co obxectivo van de que viñese a benzoar o sagrado. Nin viaxaba acompañado dun séquito de sicarios ingrávidos.
Rodeábanse de persoeiros máis solidamente asentados, velaí senón o Mestre Mateo no que din o seu autorretrato. Ao fin e o cabo dirimíase en cal das dúas cidades residía a máxima dignidade do occidente cristián. Se na Santa Sé (Roma) ou na Sé Apostólica (Compostela). Se a primeira gardaba as reliquias do apóstolo San Pedro, a segunda agochaba o sartego de Santiago o Maior, quen perdeu a cabeza pero canda menos non negou ao seu xefe cando sentiu estalar de preto os chicotazos dos soldados romanos.
Aínda non chegaran os Monxes Negros, da temíbel orde cisterciense, coa intención de dobregar e absorber o poder compostelá; nin tampouco para pulir da narración esculpida en pedra que ilustraba os templos aquela enfebrecida imaxinación medieval poboada de sereas, basiliscos, centauros, harpías ou grifóns. Ou de sorrisos, coma este tan engaiolante do profeta Daniel no Pórtico da Gloría. Ora et labora, a sentenza que presidía a congregación (algo así como que os frades oraban e traballar, traballaban os labregos) non tiña rematado cun sentido da vida que tamén deixaba tempo para o goce dos sentidos e a comuñón coa natureza.
E iso a pesar de non estaren familiarizados con este dispositivo de goma tan efectivo para evitar a propagación de certas pestes. Malia que a Igrexa non sexa moi partidaria da súa promoción, vímolo nun escaparate entre o Seminario Maior e a Porta da Acibecharía saudando a chegada dos pelegríns deste século a Compostela.

Thursday, October 22, 2009

Fáloa porque me peta

Despois dalgún tempo fóra de cobertura retomo o contacto co meu blogue e co seus seguidores, no caso de que os tivese, para contarvos que eu tamén andei o pasado domingo misturado na marea civíca que anegou Compostela.
Pola nosa parte, e coa elasticidade propia do evento, fomos seguindo a pancarta da plataforma "Queremos galego" do Morrazo, na que lembrábanse os versos de Celso Emilio Ferreiro no poema "Deitado frento ó mar" e que hoxe semellan tan actuais e necesarios como anteonte: "..eu fáloa por que si, porque me gosta, porque me peta e quero e dame a gana".
Aínda que a pancarta xa estaba inzada na fonte preto da entrada da Alameda as doce, non foi ata a unha que puidemos sair dela e deixar a Porta Faxeira a nosa dereita, fumos dos que arrivamos a Quintana cinco minutos antes de que falaran por segunda vez os portavoces nunha praza ateigada. Emotivas foron as verbas de Pousa Antelo cando do novelo do tempo desembrullou as palabras que tiña escoitado canda novo naquela mesma praza a Vilar Ponte, Anxo Casal ou Castelao, e enchianos de orgullo saber que para el naquela marea cívica latexaba o seu espírito.
Entre algunhas das imaxes da manifestación déixovos o poema de Pondal "Falade Galego" que neste tempo de chumbo paréceme moi acaído para ilustralas.

Miniñas da Cruña,
de amabre despexo,
de falas graciosas
e pasos lixeiros,
deixá de Castela
os duros acentos:
falade, miniñas,
falade galego.

Cando é que vos ouzo,
a patria esquencendo,
falar esas duras
palabras de ferro,
non sei o que sufro,
non sei o que peno:
falade, miniñas,
falade galego.

Mais cando falades
nos patrios acentos,
envoltos no voso
anxélico alento,
parece que escuito
un canto do ceo:
falade, miniñas,
falade galego.

E nesta ligazón podedes ollar unha boa ristra de fotos da manifestación.