Friday, May 21, 2010

Novoneyra

Por riba de papeis estragados, e para que non decaia a tensión e o ánimo do blogue, dende a xanela deste o mundo de Costas hoxe imos relembrar algúns poemas de Uxío Novoneyra, o poeta caurelá homenaxeado no día das letras. Poemas que ilustramos con algunhas fotos de colleita propia.
O centeo correndo ó vento
i eu quedo néso que ún non nembra
nin esquece
de tan lene e fondo que chega.
***
Longas altas fiañas
nin quedas nin pasan
tirando das cousas non contadas
que así me paran....
***
Vendo i ouvindo o río
vaise o tempo sin sentilo.

Naz'a auga su as abrairas
entr'as penas sombrizas
roxe e baixa
de pincheira en pincheira
e corre entretecida....
/
Esta auga da presa
son eu ou é ela?
***
Os poemas están tirados dunha edición que emprega os textos fixados por Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco en 1990 e pertencen ao libro Os Eidos.

Sunday, May 16, 2010

A goma do Camiño

Unha das imaxes que máis identifica Compostela como colofón do Camiño, e nomeadamente súa Sé Catedral, pode ser a do botafumeiro, que abalado polos seus tiraboleiros purifica o templo do ar mesto que, por forza, han de espallar os suorentos pelegríns trala súa camiñada, cando nos días sinalados as misas multitudinarias abarrotan o sagrado.
Noutrora, nun tempo que algúns teiman en considerar escura Idade Media, os camiños máis transitados que percorrían Europa conducían cara Compostela. O mesmo Dante Alighieri asegura que pelegrín, propiamente, só pódese considerar o que ía cara a Santiago. Daquela o bispo compostelá non tiña que pregar de xeonllos diante do prelado romano co obxectivo van de que viñese a benzoar o sagrado. Nin viaxaba acompañado dun séquito de sicarios ingrávidos.
Rodeábanse de persoeiros máis solidamente asentados, velaí senón o Mestre Mateo no que din o seu autorretrato. Ao fin e o cabo dirimíase en cal das dúas cidades residía a máxima dignidade do occidente cristián. Se na Santa Sé (Roma) ou na Sé Apostólica (Compostela). Se a primeira gardaba as reliquias do apóstolo San Pedro, a segunda agochaba o sartego de Santiago o Maior, quen perdeu a cabeza pero canda menos non negou ao seu xefe cando sentiu estalar de preto os chicotazos dos soldados romanos.
Aínda non chegaran os Monxes Negros, da temíbel orde cisterciense, coa intención de dobregar e absorber o poder compostelá; nin tampouco para pulir da narración esculpida en pedra que ilustraba os templos aquela enfebrecida imaxinación medieval poboada de sereas, basiliscos, centauros, harpías ou grifóns. Ou de sorrisos, coma este tan engaiolante do profeta Daniel no Pórtico da Gloría. Ora et labora, a sentenza que presidía a congregación (algo así como que os frades oraban e traballar, traballaban os labregos) non tiña rematado cun sentido da vida que tamén deixaba tempo para o goce dos sentidos e a comuñón coa natureza.
E iso a pesar de non estaren familiarizados con este dispositivo de goma tan efectivo para evitar a propagación de certas pestes. Malia que a Igrexa non sexa moi partidaria da súa promoción, vímolo nun escaparate entre o Seminario Maior e a Porta da Acibecharía saudando a chegada dos pelegríns deste século a Compostela.

Thursday, May 13, 2010

O Fisgón

Escribir é acostumarse ó camiño da derrota. A derrota de quen perde as batallas e tamén a que describen os vieiros da vida trazados nunha bitácora imposíbel.
Trazar rumbos na cartografía dos sentidos guiados polos relampos de luz salpementados no lombo das palabras cando nun luar das musas adivíñase a sirga dese cardume ensina que canto máis arrecende o fulgor desa ardora tanto máis afonda na magnitude do misterio, acrecenta en proporción aritmética a escuridade que as embrulla.

Monday, December 28, 2009

Singrar no frío


"Decatarse do terrorífico das miñas percepcións supoño que é completamente imposíbel; a pesares do cal a curiosidade por me adentrar nos misterios desas rexións tenebrosas dominábame aínda por riba da miña desesperación, e congraciaríame cos aspectos máis abominábeis da morte. E palpábel que estámonos achegando cara algún coñecemento estimulante -algún segredo que non pode ser compartido e no que o seu cumprimento atinxe a destrución. Se cadra esta corrente guíanos cara o mesmo cerne do Polo Sur. Debo confesar que unha suposición en aparencia tan absurda ten todas as probabilidades o seu favor..."
(Mensaxe atopada nunha botella, E. A. Poe)


Wednesday, December 23, 2009

Estación Marítima

Temos por costume dicir "imos tomar unhas cañas", por moito que se vaia coa intención de tomar nada máis que unha soa; en troques dicimos "imos tomar un café", aínda que sorbamos un par deles por mor de afastar de nós o sopor das poucas horas de sono ou dalgunha dixestión pesada. Ben, son cousas raras, reviravoltas da linguaxe que un nunca acaba de entender.
Incongruencia semellante a esa outra de falar dos 365 días que ten un ano, esquecendo completamente as súas respectivas noites. Como se na contabilidade temporal aparecese un buraco negro, tal que só damos conta dunha metade do ano no entanto a outra fica sumida na noite. E se hai algún deles que menos mereza ser acusado de tal, coido que é ese fronteiro do solsticio de inverno, por definición, o día con menos horas de luz.
Imprecisión tamén a que se deu ese mesmo día a media mañá, cando unha lumieira se filtrou entre un ceo arrumbado de nubes que deixaban caer unhas pingueiras de choiva fría. Luz transgresora que iluminou, ao meu paso, as singularidades da antiga Estación Marítima de Cangas, aínda que agora xa só cumpre a función de Estación de Autobuses. Mágoa dos tempos, se este edificio se tivera chamado Estación Intermodal non estaría agora tan preto de ser condenada ao derribo e o abandono; xa que logo, no edificio conciliábanse, tiñan enlace, os transportes públicos marítimos e terrestres.
Un primeiro apunte da súa demolición xa foi escrito cando desapareceu a cuberta do peirao, que simulando o velame dos barcos, protexía o paso dos viaxeiros entre a estación e o embarque. A falcatruada se fixo, como sempre nestes casos, cunha desculpa construtivista: remodelación e mellora das instalacións portuarias. As velas foron substituídas por unhas prácticas "pranchas de latón", dis que prima a funcionalidade fronte a barroquismos innecesarios.
Se cadra o erro dos deseñadores da vella Estación Marítima foi carecer desa capacidade de espesar as palabras ate lle faceres perder o sentido.

Tuesday, December 15, 2009

Luz de laranxa

O mundo de Costas, o mundo virado ou o mundo no seu envés. Unha análise da luz, aquilo que só se aprende cando se pousa, cando se deita nun calquera obxecto que, como a besta rinchando na fraga, de súpeto despreguiza a nosa mirada e preme por facer noso aquel pousarse da luz. Mais tamén polo que agocha. Noutra banda da luz, nas súas costas, fica sempre o negror. A luz descompón as cores, o negror absórbeos. As sinuosidades do relevo érguense fronte a profundidade das tebras. E nós camiñamos no lindeiro, ora ollo a forma, ora ollo a profundidade.Logo será iso, cando a luz da alborada, soerguéndose dende a máis fonda escuridade, medra por tras de Puxeiros, só se na espera ten por hóspede un ceo artellado de nubes mestas que nunha certa alfándega deixa franco o paso dos primeiros fíos vespertinos, fíos invisíbeis revelados agora na densidade móbil que fai de arquitrabe como paleta que declina poliédrica a gama das cores máis cálidas, só entón, asómase o meu corazón a xanela. Esplendor fuxidío que xa logo, no seu permanente devalar, sentimos como teito articulado de grises.Pola contra, esoutros nos que as primeiras luces que abrollan do fondal da noite se contrastan contra unha bóveda diáfana o meu ollar, texto sombrío iluminado por raios espectrais, deixa a fiestra e vírase na procura da luz aprendida desta volta nas cousas miúdas espalladas no interior do cuarto. Instantes breves de fulgor intenso derramados sobre as formas que constrúen a vida.
"La naranja se abre en gajos translúcidos que alzo al sol de una lámpara para ver entre la linfa el glóbulo sombrío de las semillas" (Julio Cortazar)

Thursday, December 3, 2009

Pel de Mazá

¡CALOR DA TÚA PEL¡ Calor do centro,
do miolo ou volcán fonte da vida,
desde o fondo da terra coma lava,
ou dos raios do cosmos, dos cometas
a percorrer as tenzas do universo,
a desterrar friaxes e negruras.


Este quentor que tes é mel en lume,
ouro do sol, da vida, do entusiasmo.
Fai vibrar, fai cantar, erguer, dar pulo,
ponlle valos á morte e á tristura.

Esta mornura impulsa, move os mùsculos,
ponme tolo a brincar coma un cabuxo
na harmoniosa paisaxe do teu corpo,
por montes, por turxencias, polpas, dunas.

Esta pel que se acende é unha arpa
de finísimas cordas que acariño,
onde soa profunda, estraña música.

(Bernardino Graña, "Calor da túa pel"
do libro Sen sombra e sen amor)

Acoutación fotográfica: A mazá topeina así pousada, non hai ningunha montaxe agás, como é obvio, o collage.