Sempre é unha honra e un orgullo que calquera unha vila adíquelle unha rúa a un poeta. Unha honra e un orgullo para o propio poeta, pero tamén para o pobo que o acolle. Hoxe Cangas fica de noraboa. Un emocionado Xosé Vázquez Pintor, na pasada sesta feira (21 de maio), descubría a placa da rúa que levará o seu nome e agradecíao con palabras emotivas, que hoxe traemos ata aquí, e o galano de escoitar da súa voz algúns dos seus versos. O feito se quixo facer coincidir coa presentación do seu novo libro "Máis vidas", editado por Espiral Maior, unha póla máis na súa prolífica produción, e segundo el mesmo contaba, da que síntese máis satisfeito.
A xornada encetouse no salón do concello, nun acto prologado polas cantigas de Na Virada, o combo de Chico de Cariño que musicou algúns do seus poemas. Foi a quenda para o Fernán-Vello, editor deste libro, presentar ó autor, a quen louvou poñéndoo a altura do mellor A. Cunqueiro ou M. Torga; aínda que para nós, sen desmerecer unha miga esa comparanza, a súa sensibilidade poética achéganolo máis a Walt Witman, como suxería acertadamente anetadoxastre. Tomou a palabra ao fin Pintor, que con esa grande soltura e dominio da escena que el ten como mestre de cerimonias, non en balde é autor de pezas de teatro alén de fundador e promotor da escola de teatro Ancoradouro aquí en Cangas, mantivo expectante e atenta a audiencia nos seus parladoiros.
Falounos da xestación deste libro, hai xa cinco anos. Andou a voltas cos médicos e temeu ficar afónico, hoxe é un problema felizmente superado, máis daquela remexeulle o interior e namentres camiñaba por un dos seus paraísos segretos en Cangas, o Carreiro da Pedro Choca, sentiu a necesidade de escribir a obra que agora chega as nosas mans, como unha débeda coa memoria que premese pagar denantes que os males fosen maiores. Este carreiro, que transcorre entre dous tramos urbanos, é unha pequena illa rural que lle serve como atallo para "baixar" a Cangas dende a súa casa, ou volver a ela, na parroquia de Coiro. Para el é un tránsito entre dous mundos, transpórtao dende a beiramar ata o seu Melide natal, na aldea de Quian, lémbralle o agro de A Golada onde transcorreu a súa mocidade, e no entanto recupera os folgos do existir. Coa particularidade que a terra nesta beira do pais é produtiva todo ano, diferencia que sempre asombra as xentes vidas do interior que se asentan nas Rías Baixas ou no Baixo Miño. Seguimos ese roteiro tralo remate da primeira parte da homenaxe e fixemos a fotografía que vedes a cima. Por se tedes a curiosidade, direivos que o home esta fochicando no teléfono móbil mentres ela retrúcalle ao fotógrafo como se lle ocorre facer fotos a unha vella habendo tanta chica ghuapa.
Xa ao pé da rúa onde vive, e á que agora lle ían poñer o seu nome, deulle a benvida a banda de gaitas Tormentelo e foi recibido por amigos e veciños. Tralos consabidos discursos oficiais, coa presenza das alcaldesas de Melide e Cangas, volveu tomar a palabra un Xosé Vázquez Pintor superado polas mostras de afecto. Porque o Xabarín de Quian -como lle dicían na Golada canda mozo- ademais de narrador, poeta, dramaturgo, mestre de cerimonias ou activista social pertence, sen dúbida, a estirpe dos "bos e xenerosos".
1ª parte Vázquez Pintor na rúa Vázquez Pintor
2ª parte Vázquez Pintor na rúa Vázquez Pintor
3ª parte Vázquez Pintor na rúa Vázquez Pintor
Decorado cunha folla de buxo, aquí vedes impreso o poema que co que agasallou aos asistentes e que acabades de escoitar na voz do poeta.
Por riba de papeis estragados, e para que non decaia a tensión e o ánimo do blogue, dende a xanela deste o mundo de Costas hoxe imos relembrar algúns poemas de Uxío Novoneyra, o poeta caurelá homenaxeado no día das letras. Poemas que ilustramos con algunhas fotos de colleita propia.
O centeo correndo ó vento
i eu quedo néso que ún non nembra
nin esquece
de tan lene e fondo que chega.
***
Longas altas fiañas
nin quedas nin pasan
tirando das cousas non contadas
que así me paran....
***
Vendo i ouvindo o río
vaise o tempo sin sentilo.
Naz'a auga su as abrairas
entr'as penas sombrizas
roxe e baixa
de pincheira en pincheira
e corre entretecida....
/
Esta auga da presa
son eu ou é ela?
***
Os poemas están tirados dunha edición que emprega os textos fixados por Claudio Rodríguez Fer e Carmen Blanco en 1990 e pertencen ao libro Os Eidos.
Unha das imaxes que máis identifica Compostela como colofón do Camiño, e nomeadamente súa Sé Catedral, pode ser a do botafumeiro, que abalado polos seus tiraboleiros purifica o templo do ar mesto que, por forza, han de espallar os suorentos pelegríns trala súa camiñada, cando nos días sinalados as misas multitudinarias abarrotan o sagrado.
Noutrora, nun tempo que algúns teiman en considerar escura Idade Media, os camiños máis transitados que percorrían Europa conducían cara Compostela. O mesmo Dante Alighieri asegura que pelegrín, propiamente, só pódese considerar o que ía cara a Santiago. Daquela o bispo compostelá non tiña que pregar de xeonllos diante do prelado romano co obxectivo van de que viñese a benzoar o sagrado. Nin viaxaba acompañado dun séquito de sicarios ingrávidos.
Rodeábanse de persoeiros máis solidamente asentados, velaí senón o Mestre Mateo no que din o seu autorretrato. Ao fin e o cabo dirimíase en cal das dúas cidades residía a máxima dignidade do occidente cristián. Se na Santa Sé (Roma) ou na Sé Apostólica (Compostela). Se a primeira gardaba as reliquias do apóstolo San Pedro, a segunda agochaba o sartego de Santiago o Maior, quen perdeu a cabeza pero canda menos non negou ao seu xefe cando sentiu estalar de preto os chicotazos dos soldados romanos.
Aínda non chegaran os Monxes Negros, da temíbel orde cisterciense, coa intención de dobregar e absorber o poder compostelá; nin tampouco para pulir da narración esculpida en pedra que ilustraba os templos aquela enfebrecida imaxinación medieval poboada de sereas, basiliscos, centauros, harpías ou grifóns. Ou de sorrisos, coma este tan engaiolante do profeta Daniel no Pórtico da Gloría. Ora et labora, a sentenza que presidía a congregación (algo así como que os frades oraban e traballar, traballaban os labregos) non tiña rematado cun sentido da vida que tamén deixaba tempo para o goce dos sentidos e a comuñón coa natureza.
E iso a pesar de non estaren familiarizados con este dispositivo de goma tan efectivo para evitar a propagación de certas pestes. Malia que a Igrexa non sexa moi partidaria da súa promoción, vímolo nun escaparate entre o Seminario Maior e a Porta da Acibecharía saudando a chegada dos pelegríns deste século a Compostela.
Escribir é acostumarse ó camiño da derrota. A derrota de quen perde as batallas e tamén a que describen os vieiros da vida trazados nunha bitácora imposíbel.
Trazar rumbos na cartografía dos sentidos guiados polos relampos de luz salpementados no lombo das palabras cando nun luar das musas adivíñase a sirga dese cardume ensina que canto máis arrecende o fulgor desa ardora tanto máis afonda na magnitude do misterio, acrecenta en proporción aritmética a escuridade que as embrulla.
"Decatarse do terrorífico das miñas percepcións supoño que é completamente imposíbel; a pesares do cal a curiosidade por me adentrar nos misterios desas rexións tenebrosas dominábame aínda por riba da miña desesperación, e congraciaríame cos aspectos máis abominábeis da morte. E palpábel que estámonos achegando cara algún coñecemento estimulante -algún segredo que non pode ser compartido e no que o seu cumprimento atinxe a destrución. Se cadra esta corrente guíanos cara o mesmo cerne do Polo Sur. Debo confesar que unha suposición en aparencia tan absurda ten todas as probabilidades o seu favor..."
Temos por costume dicir "imos tomar unhas cañas", por moito que se vaia coa intención de tomar nada máis que unha soa; en troques dicimos "imos tomar un café", aínda que sorbamos un par deles por mor de afastar de nós o sopor das poucas horas de sono ou dalgunha dixestión pesada. Ben, son cousas raras, reviravoltas da linguaxe que un nunca acaba de entender.
Incongruencia semellante a esa outra de falar dos 365 días que ten un ano, esquecendo completamente as súas respectivas noites. Como se na contabilidade temporal aparecese un buraco negro, tal que só damos conta dunha metade do ano no entanto a outra fica sumida na noite. E se hai algún deles que menos mereza ser acusado de tal, coido que é ese fronteiro do solsticio de inverno, por definición, o día con menos horas de luz.
Imprecisión tamén a que se deu ese mesmo día a media mañá, cando unha lumieira se filtrou entre un ceo arrumbado de nubes que deixaban caer unhas pingueiras de choiva fría. Luz transgresora que iluminou, ao meu paso, as singularidades da antiga Estación Marítima de Cangas, aínda que agora xa só cumpre a función de Estación de Autobuses. Mágoa dos tempos, se este edificio se tivera chamado Estación Intermodal non estaría agora tan preto de ser condenada ao derribo e o abandono; xa que logo, no edificio conciliábanse, tiñan enlace, os transportes públicos marítimos e terrestres.
Un primeiro apunte da súa demolición xa foi escrito cando desapareceu a cuberta do peirao, que simulando o velame dos barcos, protexía o paso dos viaxeiros entre a estación e o embarque. A falcatruada se fixo, como sempre nestes casos, cunha desculpa construtivista: remodelación e mellora das instalacións portuarias. As velas foron substituídas por unhas prácticas "pranchas de latón", dis que prima a funcionalidade fronte a barroquismos innecesarios.
Se cadra o erro dos deseñadores da vella Estación Marítima foi carecer desa capacidade de espesar as palabras ate lle faceres perder o sentido.
O mundo de Costas, o mundo virado ou o mundo no seu envés. Unha análise da luz, aquilo que só se aprende cando se pousa, cando se deita nun calquera obxecto que, como a besta rinchando na fraga, de súpeto despreguiza a nosa mirada e preme por facer noso aquel pousarse da luz. Mais tamén polo que agocha. Noutra banda da luz, nas súas costas, fica sempre o negror. A luz descompón as cores, o negror absórbeos. As sinuosidades do relevo érguense fronte a profundidade das tebras. E nós camiñamos no lindeiro, ora ollo a forma, ora ollo a profundidade.Logo será iso, cando a luz da alborada, soerguéndose dende a máis fonda escuridade, medra por tras de Puxeiros, só se na espera ten por hóspede un ceo artellado de nubes mestas que nunha certa alfándega deixa franco o paso dos primeiros fíos vespertinos, fíos invisíbeis revelados agora na densidade móbil que fai de arquitrabe como paleta que declina poliédrica a gama das cores máis cálidas, só entón, asómase o meu corazón a xanela. Esplendor fuxidío que xa logo, no seu permanente devalar, sentimos como teito articulado de grises.Pola contra, esoutros nos que as primeiras luces que abrollan do fondal da noite se contrastan contra unha bóveda diáfana o meu ollar, texto sombrío iluminado por raios espectrais, deixa a fiestra e vírase na procura da luz aprendida desta volta nas cousas miúdas espalladas no interior do cuarto. Instantes breves de fulgor intenso derramados sobre as formas que constrúen a vida. "La naranja se abre en gajos translúcidos que alzo al sol de una lámpara para ver entre la linfa el glóbulo sombrío de las semillas" (Julio Cortazar)
¡CALOR DA TÚA PEL¡ Calor do centro, do miolo ou volcán fonte da vida, desde o fondo da terra coma lava, ou dos raios do cosmos, dos cometas a percorrer as tenzas do universo, a desterrar friaxes e negruras.
Este quentor que tes é mel en lume, ouro do sol, da vida, do entusiasmo. Fai vibrar, fai cantar, erguer, dar pulo, ponlle valos á morte e á tristura.
Esta mornura impulsa, move os mùsculos, ponme tolo a brincar coma un cabuxo na harmoniosa paisaxe do teu corpo, por montes, por turxencias, polpas, dunas.
Esta pel que se acende é unha arpa de finísimas cordas que acariño, onde soa profunda, estraña música.
(Bernardino Graña, "Calor da túa pel" do libro Sen sombra e sen amor)
Acoutación fotográfica: A mazá topeina así pousada, non hai ningunha montaxe agás, como é obvio, o collage.
No corazón de Coiro, moi preto do muíño de Fausto, nunha taberna con xente do mar onde por veces ata chega o peixo do quiñón, xantamos axudados por un bon viño e despois dos cafés escoitabamos con interese unha conversa de mariñeiros, queixábanse das condicións do seu traballo. O máis experiente do grupo comentaba que por unha marea nas Malvinas hoxe en día un mariñeiro non cobraba alén dos 1.000 euros, e quizais conveña lembrar que unha marea significa arredor de tres meses en alta mar en barco de trinta ou corenta metros de eslora faenando a eito, vintecatro de vintecatro, dende que o peixe entra na rede. O asunto é que veño sentindo novas como esta dende hai algún tempo. Fai cousa dun ano un bo amigo noso, seica patrón da costa e hoxe en día afincado no Brasil, queixábase de algo moi semellante, dicía que rematara unha marea debéndolle cartos a empresa armadora, e tiña a súa explicación. Os que estabamos no seu derredor non dabamos creto, lembrabamos que na década dos oitenta e principios dos noventa, sendo o traballo igual de duro, a xente aínda xuntaba unha cantidade de cartos apreciábel cando volvía dunha marea, polo que a todos os coñecedores das súas cuitas paseóusenos máis dunha vez polo miolo facer aínda que fose unha soa para termos a nosa presiña de cartos. Pois ben, esa xa non pode ser unhas das causas que hoxe arrasre os homes o mar, dende aquela as ganancias minguaron moito para eles, as xentes do mar, que non para os armadores, estes non se viron na obriga de abandonaren os seus negocios por seren pouco rendíbeis nin impelidos a continuar neles por ser ese o único oficio do que se sintan capaces.O mariñeiro experimentado de Coiro dicía, ilustrativo, que "antes chegabas a casa e traíaslle a muller un feixiño de cartos, e mira ti, agora téñolle que pedir ate uns euros para ir tomar o chiquito". E non vaiades crer que era un farol moi gordo, a dona estaba alí preto -rexentando o local- para confirmalo. Os donos dos cartos son, nun outro alarde de opacidade pública, os que aparecen sempre nas primeiras planas dos medios como xeradores de riqueza e nunca os propios traballadores, nunca as mans que traballan e transforman as materias primas en materiais axeitados para o uso da comunidade, mans sucadas do traballo que na voz dos amos e os seus fieis propagandistas tenden mostrarse como prescindíbeis, mans que suxeitas as estritas leis do mercado arrumban calquera indicio de humanidade por tras delas. A cousa é que como os oficiais dos barcos levan unha porcentaxe mais alta que a dos mariñeiros no reparto dos beneficios da marea, os piratas de despacho, sen perder a vergoña nin o respecto institucional, aos primeiros ofrécenlle o traballo sen ofreceres ningunha ganancia firme a cambio, tan só en troco dunha pequena porcentaxe sobre o posíbel beneficio económico que a venda das capturas xere no final da marea, no caso de que as haxa, doutro xeito pode pasar como a este meu amigo referido máis a cima, para quen os pequenos gastos persoais que dentro do barco sufragan os propios mariñeiros pesaron máis na balanza da fin da viaxe que o peixe que nunca entrou na rede. Como suxería o noso home de Coiro, que nese día estaba falador -cousa, por outra banda, pouco frecuente-, "pois mira ti, agora meten aos peruanos eses, ou xente doutros países raros, que cos mesmos cartos alá no seu país son ricos, mira que pra eles sonche moitos cartos de diola". Agora chámanlle deslocalización a un outro dos moitos recursos que as empresas armadoras teñen para aumentar as súa ganancias diminuíndo ata extremas imposíbeis o prezo da carne humana, da dignidade humana. O que me leva a rememorar dous datos entresacados dunha nova que foi amplamente aireada, aínda que fose sempre dende a faciana do sensacionalismo máis escabroso: o secuestro do atuneiro Alakrana en mares somalís. Acolá, cando menos, os piratas xóganse a súa propia vida, os de aquí poñen carne de canón de por medio. Máis entre os cascallos da devandita información e por baixo do balbordo mediático puidemos apreciar con certa exactitude os significados da tal deslocalización, saber como se forxan as cadeas da explotación do home polo home ao abrigo do libre mercado e a globalización. Primeiro cando soubemos que os reféns eran 36, os mesmos que tripulantes tiña o barco, que ademais dos 8 galegos e 8 vascos levaba a bordo outros 20 mariñeiros, persoas procedentes de Ghana, Senegal, Costa de Marfil, Madagascar e Illas Seicheles. E despois só foi pola desgacia dun deles, Alain Kakou de Costa de Marfil, quen volvía ao seu país sen saber se a súa dona estaba viva, que soubemos do prezo exacto dun salario deslocalizado: 12o euros ao mes, velaí o prezo dun tripulante africano.O saírmos, coido que pra que pra non ficarmos co gosto acre dos laios do mar, a patroa agasallounos cun atadiño de chulas acabadas de facer coa parte de cabaza que non sae na fotografía e que, de certo, tiñan un arrecendo tentador, arrecendo que levamos con nós e saboreamos no día seguinte.
Languidecía a noite e aseñorábase o día ocultando as reminiscencias tililantes que a cidade, debedora solar, mantén acesas na súa honra cando durme, namentres eu agardaba polo chifrido da cafeteira o sinal para retiralo do lume. Coa cámara no trípode fun tirando unhas fotografías no espreguizarse do día que máis tarde, no entanto de revisalas, fixéronme acordante destes versos do proemio no poema de Parménides para ilustralas.
"(....), cando apremáronse a escoltarme as fillas do Sol -unha vez que por tras deixaron o lar da Noite- destoucando das súas tempas os veos coas mans.
Alí son as portas dos camiños da Noite e o Día enmarcados con lintel e soleira de pedra, portas etéreas de grandes follas (...)
E a deusa acolleume benévola, tomou na súa man a miña man destra e así falou e me dirixiu a palabra: -Xoven compañeiro de aurigas inmortais, vido coas eguas que te achegan a nosa casa, saúde, que non foi un mal fado quen te trouxo por este camiño -pois de certo fica fora do tripado polos homes- senón lei e xustiza. É preciso que te decates de todo: tanto do corazón imperturbábel da redonda verdade como dos pareceres dos mortais, nos que non cabe unha verdadeira solidez. Aínda así, tamén aprenderás como é necesario que os pareceres sexan en aparencia, cruzandose todos ó través de todo." (Parménides, Fragmentos 1, 12-13, 20-30)
Un outro apunte, sen ser moi exahustivo nin hermeneuta, que non é o caso, cando leades "lei e xustiza" (Temis e Diké, no grego orixinal) non vaiades matinar no señor da porra e o togado, representates desas ideas no noso mundo, máis axeitado coido que sería ligalas coas ideas de "medida e proporción", dalgún xeito, a procura da "harmonía". Sóamentes fica por lembrar que Parménides foi un filósofo e poeta grego que naceu en Elea e a súa vida transcorre entre os séculos VI e V a.C. Entre os filósofos da antigüidade e do que se conserva o texto (casi) completo máis antigo. En moitos sentidos podemos dicir del que marca unha fronteira, a súa mesma vida discorre no limiar entre a antigüidade e o clasicismo; quizais o primeiro filósofo e o derradeiro que como tal escribe en verso, nos mesmos hexámetros dáctilos nos que cantaban Homero e Hesiodo; na ponte entre a escrita en verso e a nacente escritura en prosa; na transformación do poder do mito en forza do logos ou razón; o primeiro chanzo para que o home principie a sentirse un aparte da natureza, un seu dominador, nembargante é guíado polas musas no camiño do saber.
Aquí tedes algunhas imaxes dos grafitis que podedes ver este ano en Cangas, na Praza das Pontes xunto a desembocadura do rió Bouzós, e na que, nuns paneis habilitados polo concello e que se anovan cada ano, os artistas do spray van dándolle forma e cor as novas iconografías urbanas.
Hoxe imos a lembrar a este grande músico, ensinante e compositor de longa traxectoria que no pasado día 9 cumplía os 89 anos, e segue na brecha. Un home, ao que como acontecía con Duke Ellington, non lle presta que a súa música sexa considerada solamente jazz, e gosta poñer por diante a necesidade expresiva máis que a etiqueta correspondente. Para referirse a ela acuñou o seu propio termo, acuciado polo necesisade de dar aulas e de querer obviar a verba jazz nelas: autophysiopsychic; co que tenta significar a música como a xuntanza entre o físico, o psíquico e mai-lo espiritual. O certo é que resulta difícil encadrar a súa música só baixo o capote do jazz, porque sempre tentou ampliar perspectivas na procura de novas formas de expresión, e tal vez foi iso o que motivou que aínda hoxe en día a súa laboura non sexa moi coñecida alén dos círculos especializados, e o seu nome non soe entre o grande público como unha das lendas vivas do jazz, ou calquera que sexa a etiqueta que queiramos lle por. Naceu en Chattanooga, Tenesse, no ano 1920 sob o nome de William Emanuel Huddleston, é fillo único e os cinco anos trasládase, coa súa familia, a Detroit. Criado nun ambiente moi musical, a súa nai tocaba o piana na igrexa e a súa avóa tamén fora tocadora de organo na igrexa, o seu pai tiña unha excelente voz e cantaba nun coro. Da súa nenez pensa que "medrar só fíxoo máis sensíbel e atento coa natureza, as mariposas, o ceo e as árbores". Na escola graduouse como saxo tenor e pronto introdiciuse nos circuitos do jazz, que naquela altura tiñan en Detroit un dos seus berces. No ano 48 convertiuse ao islam en muda o seu nome polo de Yusef Lateef. E foi no seguinte ano que Dizzy Gillespie chamouno para tocar na súa orquestra, onde recoñece que aprendeu que a música non estaba toda no papel. Na partitura tiña escrita, por poñer un caso, unha nota con valor de redonda para remetar o tema, mais sempre ficaba sorprendido, decátase que algunhas veces a mesma nota duraba mais e outras menos do valor indicado, e todos os músicos remataban á vez agás el, que tentaba reproducir o que tiña no papel e nunca acertaba. Máis logo aprendeu a importancia do cóbado de Dizzy, todos seguían o seu movemento, se el subía a nota se mantiña, cando baixaba tiñan que cortar. Ficou un par de anos na orquestra de Dizzy e volveu para Detroit, onde na decada dos 50 estudou composición e frauta, e mantivo un quinteto estable durante eses anos. E máis tarde aprendeu a tocar oboe, sendo o primeiro en introducilo no be-bop ou música de improvisación. Entre outros, traballa con Art Blakey nesta época e tamén foi a finais da decada que empezou a investigar a sonoridade das escalas musicais do leste europeo, abrindo un camiño que mais tarde exploraría con éxito John Coltrane, e que nos nacentes sesenta chegou a desprazar entre os jazzistas o uso das ata aquela máis frecuentes escalas occidentais, ademais de compor spirituais para casas discográficas como a Savoy e a Riverside. Aquí tedes unha grabación do ano 60 con Louis Hayes, I need you, onde podedes sentir o profundo son que arranca do seu saxo tenor nunha grabación feita o 26 de abril nos Bell Sound Studio de Nova Iorque.
No ano 60 afíncase definitivamente en Nova Iorque, nesa década graba e toca con xente como Charles Mingus ou Miles Davis, ademais de continuar a súa formación na Escola de Música de Manhattan. Coa súa propia formación publica discos como Eastern sounds, Live at Pep ou The Golden Flute. No ano 67 publícase o seu disco Complete Yusef Lateef en Athantic Records, no que mestura sonoridades latinas xunto co espírito de Detroit, ao que tenta homenaxear e que nesas datas sofre unha importante crise económica, conta cunha destacada sección de ritmo, con músicos coma Ray Barreto. Na decada que segue, a dos setenta, empeza a dar aulas na cidade dos rañaceos na Escola de Manhattan e compón para grandes orquestras, ao tempo gradúase na Universidade de Massachusetts, onde tamén dara aulas. Foi aquí onde xurdiu o disco Autophysiopsichic e tamén o termo que propón para definir a súa música. Aquí podedes escoitar unha peza dese disco, Comunication, grabado xunto con Act Farmer nos Electric Lady Studios de Novo Iorque no mes de outubro do ano 77.
Nos oitenta vaise catro anos para Nixeria para estudar e coñecer a súa cultura, na procura "dos valores orixinarios da música como expresión cultural". No ámeto do timbre, por exemplo, amprende a construir a súas propias frautas de cana ou de calquera outro material que a natureza lle ofrece, tal como se fai nas sociedades aínda non industrializada; ou, no eido da armonía, a darse conta que certos preconceptos da música occidental non son intercambiabeis noutras culturas, como o tópico de que as escalas menores expresan a dor ou certa saudade. A volta desta viaxe gaña un dos premios Grammy co seu LP Yuseef Lateef's Little Symphony. No ano 92 crea o seu propio carimbo discográfico YAL, e no ano seguinte pública un dos seus discos máis ambiciosos The African American Epic Suite, unha obra en catro movimentos para quintento e orquestra. Hoxe é considerado un dos pioneiros da música étnica ou world music. Mais o seu campo non se circunscribe o eido musical xa que ten publicado dúas novelas e dous libros de contos; e ten exibido nos derradeiros anos os seus cadros nalgunhas galerias de arte, . Sendo un grande improvisador, recoñece que non lle gusta o termo se iso significa non ter unha preparación previa, di el que sería como se pos nas mans dun zapateiro un instrumento musical e esperas que vai soar algo coerente. No ano 2005 sae o disco Psychicemotus e no 2007 é nomeado artista do ano pola Universidade de Massachusetts. Para o vindeiro ano, 2010, ten sido nomeado Mestre do Jazz Americano (American Jazz Master) pola National Endowments for the Jazz. Pra rematar déixovos con Amanita, composta por Adam Rudolph e interpretada por Lateef coa Organic Orchestra, e na que se empregan os conceptos de verticalismo cíclico (cyclic verticalism), unha das ensinanzas que trouxo da súa viaxe a Nixeria. Foi grabado no 2005 en Venecia.
Aquí vos queda o video, que non puiden pór onte, do músico tan misteriosamente negro que espalla a súa musica dende os soportais da Rúa do Villar, o músico negro coas mans moi brancas e que o pasado domingo amenizaba o paso da marea cívica "Queremos galego" e facía cantar casi entonados os manifestantes co son da súa guitarra eléctrica.
Despois dalgún tempo fóra de cobertura retomo o contacto co meu blogue e co seus seguidores, no caso de que os tivese, para contarvos que eu tamén andei o pasado domingo misturado na marea civíca que anegou Compostela. Pola nosa parte, e coa elasticidade propia do evento, fomos seguindo a pancarta da plataforma "Queremos galego" do Morrazo, na que lembrábanse os versos de Celso Emilio Ferreiro no poema "Deitado frento ó mar" e que hoxe semellan tan actuais e necesarios como anteonte: "..eu fáloa por que si, porque me gosta, porque me peta e quero e dame a gana". Aínda que a pancarta xa estaba inzada na fonte preto da entrada da Alameda as doce, non foi ata a unha que puidemos sair dela e deixar a Porta Faxeira a nosa dereita, fumos dos que arrivamos a Quintana cinco minutos antes de que falaran por segunda vez os portavoces nunha praza ateigada. Emotivas foron as verbas de Pousa Antelo cando do novelo do tempo desembrullou as palabras que tiña escoitado canda novo naquela mesma praza a Vilar Ponte, Anxo Casal ou Castelao, e enchianos de orgullo saber que para el naquela marea cívica latexaba o seu espírito. Entre algunhas das imaxes da manifestación déixovos o poema de Pondal "Falade Galego" que neste tempo de chumbo paréceme moi acaído para ilustralas.
Miniñas da Cruña, de amabre despexo, de falas graciosas e pasos lixeiros, deixá de Castela os duros acentos: falade, miniñas, falade galego.
Cando é que vos ouzo, a patria esquencendo, falar esas duras palabras de ferro, non sei o que sufro, non sei o que peno: falade, miniñas, falade galego.
Mais cando falades nos patrios acentos, envoltos no voso anxélico alento, parece que escuito un canto do ceo: falade, miniñas, falade galego.
E nesta ligazón podedes ollar unha boa ristra de fotos da manifestación.