Wednesday, July 29, 2009

Flores de Hermelo

Flor do sabugueiro

Vágoas de chorima I

Vágoas de chorima II

Barxas de xesta
Andamos pola aldea e o alto de Santiago de Hermelo no día do seu patrón, e tivemos ocasión de tirar algunhas fotografías, entre elas a da Flor de sabugueiro. N'omundodecostas non lle sabiamos de certo o seu nome, pero unha boa amiga sabedoira destes asuntos tivo a ben lembrármonolo, o cal lle agradecemos.
En galego pode ter ate trinta nomes distintos: bieiteiro, baiteiro, sabugo, naiteiro, viradoiro, viruteiro, sango, sambuco... Segundo parece na medicina popular empregase caseque como remedio universal. As flores, que teñen propiedades diuréticas, sudoríferas e emolientes, preparadas en infusión empréganse como remedio contra as afeccións respiratorias, gripes ou catarros. Tamén teñen propiedades como laxante.
O seu nome científico, no que se identifican xénero e especie, ven sendo Sambucus Nigra L., e pertence a clase das Magnoliopsidas.
Para rematar unha receita contra a dor de cabeza na que a flor do sabugueiro é ingrediente principal: déixase unha presada de flores frescas a remollo en vinagre durante uns 15 minutos, despois prepárase unha cataplasma embrullando as flores maceradas nunha tela que finalmente aplicarase sobre a fronte do doente.

Tuesday, July 28, 2009

Palindromanzas de Severo Revés

Hoxe queremos dar conta da aparición dun novo pasatempo: as Palindromanzas. E por suposto, darlle-la noraboa o seu inventor Severo Revés, que nun arranque de xenialidade soubo inventar este xogo, que abrolla dunha certeira e creativa combinación entre as regras do xeroglífico e a creación dos palíndromos. Proba da súa boa acollida é que dende fai xa un par de meses, non moito despois da súa invención, veñen sendo publicadas diariamente nun dos principais xornais do pais, mais concretamente nun que se edita na Coruña. Sabemos tamén que ese foi o primeiro medio ó que lle propuxo a publicación deste xogo de frases reversíbeis e, dobre méritio engadido, o presentou sen o respaldo dalgún padriño que suavizara as engranaxes do negocio.
Crear, dicía o grande matemático Poincaré, non consiste en facer combinacións inútiles, senón e facer aquelas que son útiles, que son moi poucas, e remarcaba: a invención é discernimento, elección.
Dende aquí, desexámoslle unha longa e froitifera xeira nesta andaina e animámosvos a xogar co Severo Revés (ollo¡ que non a mercar o devandito xornal). E, para irdes afiando a vosa habelencia, velaí unha mostra deste seu pasatempo

Tuesday, July 21, 2009

Arnau de Montemogos

Non sei se volo dixen, ou tan se quer déchesvos de conta, pero ultimamente tomei por costume levar a "Finepix J12" no peto coa intención de ter o disparador disposto para cando as condicións de luz, motivación e capacidade da máquina se conxuguen coa benzón das musas.O problema, sempre hai un problema (alén do propio das limitacións que ten o trebello dixital), é que hoxe en día tes que ser moi mirado coa elección do motivo. Atrás ficaron os tempos analóxicos, cando o fotógrafo camiñaba coa Minolta no lombo e podía recrear o seu obxectivo no medio da xente na procura das facianas máis expresivas, ou do encadre axeitado para recrear con verosimilitude un ambiente, ou da fisicidade que desprende o corpo humano no desempeño das súas tarefas cotiás, ou, que sei eu, simplemente a curiosidade de retratar as personaxes máis pintorescas.
Neste retomar dos vellos costumes, a primeira vez que virei a máquina cara á xente, a fronte dunha manifestación do metal avanzaba por unha certa rúa da nosa máis populosa cidade industrial, mentres os donos dos carros estacionados nas inmediacións apresurábanse a retiralos ao seu paso. Entre os carros e os obreiros se desprazaba unha morea de periodistas (e periodistos) que armados cos seus grandes e rechamantes aparellos tiraban os seus cliques a vontade. Animado pola situación, saquei a minúscula "J12" do peto para tirar os meus.
No encadre, primeiro entraban os fotógrafos diante da manifestación, e segundo esta se achegaba a miña posición, obrígame a pechalo e centralo nos lemas e as persoas que viñan na cabeceira. Entón, segundo se achegaban, escoito unha voz que sobresae entre a multitude e di:
"- Oes!, ti serás peirodista, non? Por que se non, non podes facer fotos"
Ao principio dubidei se sería cousa do tamaño o que lles fixzo desconfiar, mais como os consellos en voz alta incrementaban a intensidade volvín a cámara ao peto (non é que custe moito, pero é a que teño), sen inquirir máis sobre aquela sagacidade para distinguir periodistas. Será que senten máis amparados os seus intereses cando os ven reflectidos nos poderesos medios que controlan o negocio; ou sospeitarían que alí estaba agochado un axente infiltrado da policía facendo a ficha dos revoltosos, que algo diso tamén escoitouse entre o balbordo.Poucos días despois, na segunda ocasión na que o meu obxectivo teimou de novo coa figura humana foi saíndo do mercado de abastos. Na beirarrúa de enfronte, un mariñeiro negro vestido nunha funda vermella, cuspidiña a que levan os mariñeiros brancos cando fan a mesma tarefa e pasan polo mesmo lugar, arratraba acompasado unhas caixas de peixe fresco chegado da mar, peixe dos barcos de baixura que vai directamente dende o barco ao seu posto de venda na praza. Por detrás del, a pouca distancia e como fondo ábrese a ría e vense os barcos atracados nos peiraos. O home decatouse da manobra e virouse con xestos irado cara un fotógrafo cargado coas bolsas da compra, e no seu español con sotaque subsahariano, lembráballe que o podía denunciar, que se estaba tolo, e cousas polo estilo.
Pouco despois, na mesma xeira, dei coa que xa era a nova do día na bisbarra: queimaran un caixeiro automático pola noite e no lugar do suceso congregábanse as diferentes autoridades con cargo no caso. Camiñaba pola beirarrúa oposta e detívenme nun punto no que podía observar o caixeiro queimado cos operarios no seu derredor enmarcados, dende o primeiro plano, por unha furgoneta branca e unha outra camiontea vermella de emerxencias. Entre as dúas conversaba un grupo que aproveita a sombra proxectada por unha árbore do paseo. Con certa precaución comprobei que polo derredor había xente disparando a súa cámara e, desta volta asegureime, víanse de tódolos tamaños, grandes e pequenas. Así que dei un paso cara atrás para acomodar o encadre, e de socato, a cocorota dun individuo, que estirando o pescozo semella pescudar o que pasa, chántase diante do obxectivo. "Un ghodechinchos" pensei, e deille tempo para que saciara a súa curiosidade, pero como non se daba movido, cambiei eu a miña posición. Entón volveuse cara a min, falou en castelán e decateime que non era galego, pero non precisou berrar unha palabra máis alta que a outra para me lembrar que alí non se podían tomar fotografías. Aleguei, sen moita convicción, que non era o único que as tomaba, e coa mesma amabilidade, díxome que podía achegarme o caixeiro e facérllelas de preto. Retruqueille que poder podía, mais que o encadre que me gustaba era xustamente o que tentaba facer. Debeu notar algunha caste de rexouba nas miñas palabras, por que desta vez respondeume en galego, como tentando imitar o acento do país, dicindo: "ah! Claro...xa entendo, xa entendo". E foi moi coidadoso na pronuncia do "xa".
Ben, agora que xa son moito máis prudente na escolla dos motivos cos que entreter a cámara, paréceme que vou ter que deixar o de falar do Arnau de Montemogos para unha vindeira ocasión, que nesta xa me alonguei abondo. Pero non vos parece que na era dixital o medo ceibase máis lixeiro e sutil ca nunca? Aláncase onde menos un podería imaxinar.

Wednesday, July 15, 2009

Pérez Esquivel en Massó

Neste vídeo podemos escoitar as palabras que o premio Nobel da Paz, Adolfo Pérez Esquivel, que viña acompañado pola súa dona, dixo ao pé da torre da antiga nave industrial de Massó, no epicentro do conflito que alí se desenvolve dende hai xa catro anos, na súa fugaz visita a Cangas nesta terza feira (14-7-09) as cinco da tarde.
Palabras de apoio e solidariedade coa loita que o pobo de Cangas, organizado arredor do Foro Social, mantén para evitar que nese mesmo lugar se constrúa un porto deportivo e unha urbanización de alto copete, promovidos polo "capital especultivo", empregando palabras do propio Esquivel. Destruíndo da mesma tacada un rico banco marisqueiro e o fermoso parque que con árbores senlleiras rodea a factoría, catalogada esta, aínda mais, como ben de interese arquitectónico-cultural. El, que tamén é un arxentino de raíces galegas: seu pai era un mariñeiro de Combarro emigrado, tivo palabras de alento para cos mariñeiros cangueses que, impotentes diante da desfeita, ven como se destrúe o seu arraigado medio de vida ("ese banco deu de comer a moitas familias" din eles) a cambio de nada, en fin, outro Prestige soterrado. Só que, desta volta, o barco que se afunde -os Bancos e as grandes Construtoras (destrutoras acáelle mellor)- regan directamente "os seus fíos de plastilina en estiramento vertical" dende terra e cómprelles facer o papel de bos nos grandes medios de comunicación, no entanto e coma sempre, as diferentes administracións miran cara outro lado ou apoian, directamente, a cementación da ría.
Como aconsellou o Esquivel, aprendamos a respectar á Pacha Mama, que así lle din na Arxentina a Terra Nai.


Friday, July 10, 2009

Feira en Cangas

Aquí vos vai un anaco do que acontecia nunha pasada sexta feira do pasado mes de San Xoán no mercado de Cangas. A historia transcorre no vello lindeiro que se debulla entre a terra firme e o que a voz popular di "o aterrado", terreos que foron gañados ao mar no transcurso do último século, e nome que, por metonimia, adoptou a feira que alí se celebra cada venres. Neste modesto documental os produtos da terra e os produtos do espírito acordan amigábeis nunha mañá na que volveu relucir o sol despois dun tempo de choiva.



Tamen se podía ter chamado "dende as herbillas o jazz, unha viaxe transoceánica na feira", pero ben se ve que ven sendo moi longo...